Praias translúcidas

As praias de Muxía teñen augas cristalinas e ondas valentes, pero sobre todo, unha fermosa e impresionante paisaxe case virxe que as rodea e as protexe. O contorno no que están situadas outórgalles unha beleza aínda maior que converte a visita a estes escenarios de ocio en momentos de relaxación e de tranquilidade.

Os areais máis coñecidos son o de Leis, O Lago, Os Muíños, A Cruz e Espiñeirido –ambas moi cerca do núcleo urbano-, Lourido, Moreira, Nemiña –paraíso internacional para os afeccionados ao surf- e o Coído de Cuño, de interese xeolóxico. Pero a listaxe é moito máis longa: Arnela, As Raias, Barreira, Barreiros, o Coído, Loureiro, a cala da Arliña, o Ariño, O Coto,... Todas elas incluídas en zona da Rede Natura 2000. Co mapa de Muxía na man, só tes que explorar un pouco!

Leis

Leis é unha praia situada nun contorno rural, moi preto da desembocadura do río Grande na ría de Muxía-Camariñas. Un total de 400 metros para sentirse no paraíso en territorio da Costa da Morte. É tamén a praia máis ao norte do territorio muxián.

O Lago

De ondada moderada e pouco máis de medio quilómetro de extensión, a area branca da praia de O Lago é a escusa perfecta para pasar unha tarde de bo tempo gozando do mar e do sol. O seu nome procede do pequeno lago que se forma na desembocadura dun río e que lle outorga unha característica singular a este areal. Outro dos referentes que lembrarás é o pequeno faro situado no extremo oposto e darredor do que podes andar son só subir ás rochas.

Area Maior / Os Muíños

A praia de Area Maior / Os Muíños é a máis extensa das seis que hai na enseada de Merexo. Aquí desemboca o río Negro que baixa dende a aldea dos Muíños, onde se atopa unha área recreativa. Ao carón do areal formouse un pequeno complexo dunar no que medran varios tipos de plantas como a correola de praia (Calystegia soldanella), cardo de ribeira (Eryngium maritium), correola da praia (Euphoria paralis) ou feo (Ammophila arenaria), entre outras. As aves limícolas tamén son habituais.  

Preto de aquí, na parte máis elevada do lugar de Chorente atópase a capela de san Roque. Nela, antigamente, practicábase o rito de “cambio de tella”. Consistía en cambiar a posición dunha tella para o lugar no que se desexaba que virara o vento e que os mariñeiros puidesen chegar a porto coa súa embarcación.  

A continuación deste areal están as praias de Vilaverde (nos mapas aparece como Os Loureiros) e a de Borreiros. A de Vilaverde colle o seu nome da cidade asolagada que, din, hai fronte a ela, e sobre a que tantas lendas se escribiron e escoitan. As lendas contan que tamén había un túnel que comunicaba esta praia co mosteiro de Moraime, que buscaba aquí a súa saída secreta ao mar.

Espiñeirido

Unida coa vila e coa praia da Cruz por unha senda litoral, desde Espiñeirido hai unhas fantásticas vistas de toda a fronte da vila da Barca. Antano era coñecida como a “praia dos curas” porque ao ser este o areal máis afastado do núcleo urbano, aquí víñanse bañar os relixiosos para estar máis arredados da xente.

Próxima está a punta de Espiñeirido, tamén coñecida como punta do Generosa, polo naufraxio que sufriu neste lugar o barco do mesmo nome a noite do 26 de outubro de 1987.

A Cruz

Situada na entrada de Muxía ao carón do Paseo da Cruz. É unha praia tranquila de augas transparentes que no verán se converte en escenario natural para actividades deportivas e lúdicas. Seguindo a senda de madeira, chégase á praia de Espiñeirido.  

A Cruz, Espiñeirido e Arliña, situada ao lado do campo de fútbol e frente ao areal de Lourido, son as tres praias nas que se poden ver máis bañistas no verán procedentes do núcleo urbano.  

Desde o alto do monte Enfesto, a panorámica da Cruz, de Espiñeirido e da liña de costa na que se asentan, é fantástica.

Lourido

Está situada na estrada que une a vila de Muxía co cabo Touriñán e no último tramo do coñecido como “Camiño da Costa”. Trátase dun camiño de peregrinos sinalizado e historicamente recoñecido, considerado complementario do tradicional “Camiño Xacobeo de Santiago a Muxía ou Fisterra”.  

No alto da entrada principal da praia é moi frecuente ver peregrinos coa súa cámara, levando un recordo desta extensa praia con forma de media lúa. A area branca e o son das ondas rompendo valentes contra a beiramar son como un imán que obrigan a baixar ata a area para dar un paseo, por curto que sexa.  

Lourido é un lugar de interese natural polas súas formacións dunares e as fermosas vistas panorámicas sobre a vila da Barca e o cabo Vilán, xa en territorio do municipio de Camariñas.

Coído ou enseada de Cuño

O Coído –ou enseada- de Cuño está considerado un punto de interese natural dentro da costa galega. Os milleiros de pedras redondas e lavadas polo mar, os “coídos”, grandes e pequeno,s salpican a enseada aquí e acolá, non deixando espazo para a area. Rodeada de campos de cultivo, a súa orixe pode estar en depósitos cuaternarios ou nunha terraza mariña. Coincidindo coa marea baixa calquera día, pero sobre todo nas fins de semana, este é un lugar moi frecuentado por pescadores do propio municipio ou de fóra.

Moreira

Moreira é outra das pequenas praias de bolos que salpican o litoral muxián. Atoparala no camiño cara ao cabo Touriñán rodeada de monte de formas suaves. O encanto deste lugar reside na mestura compensada dunha paisaxe rural e mariña na que o máximo expoñente, ademais dos coídos, é o xeneroso regato que desemboca no mar desaparecendo por debaixo da area.

Nemiña

Nemiña: espazo natural
Cantos espazos de interese ecolóxico diferenzas en Nemiña?
· A propia praia.
· As dunas que discorren pola ladeira occidental do Monte Nemiña. 
· A desembocadura do río Castro.

Se Leis se pode considerar a praia máis setentrional do municipio de Muxía, Nemiña é a que se atopa máis ao sur. Desde o arco que forman os seus 1.250 metros vense tres concellos da Costa da Morte: Muxía, Cee e Fisterra.

Nemiña é unha praia internacional na que desde hai anos se reúnen os amantes do surf e do bodyboard de toda Europa, sobre todo alemáns e franceses, e tamén, cada vez máis, veciños da zona. Na ribeira do río, cando baixa a marea, pescadores de caña andan na procura de robalizas.  

As posibilidades de ocio e de deporte que ofrece Nemiña compleméntanse co sendeirismo. Unha senda litoral une a aldea co cabo Touriñán onde, dúas veces ao ano, entre o 21 de marzo e o 25 abril e entre o 13 de agosto e o 22 de setembro se pode ver desaparecer o último raio de sol da Europa Continental.

Ligazóns

MÁIS QUE VER

Busca os QR!

Como ler un código QR?


Descarga as audioguías das nosas rutas sensoriais: Ruta da Vila, Ruta a Touriñán-Nemiña e Moraime-Area Maior.

Ampliar información

Rede Turística

Busca o que precises durante a túa visita entre os negocios adheridos!

Ampliar información

Vídeos Muxía TV

Coñece Muxía!

Concello de Muxía   Rúa Real, 35 - 15124 Muxía   Telf.: 981 742 117   info@caminandocaraomar.com
  • GAC 3 Costa da Morte
  • Fondo Europeo de Pesca
  • Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente
  • Consellería do Medio Rural e do Mar
  • Web municipal Muxía